A Idade Moderna e o século XX



O Antigo Réxime.

Arredor do ano 1753, a poboación de San Paio de Carreira é superada en número pola de Ribeira, situándose ámbalas dúas con 1192 e 1280 habitantes respectivamente. A partires de aí e ata a actualidade, Ribeira converterase na meirande poboación da zona. Isto, engadido ó aumento da industria derivada da pesca, serán as causantes do grande desenrolo económico e demográfico de Santa Uxía.

Antigo almacén da Catía No ano 1770, o industrial castelán afincado na Coruña D. Jerónimo Hijosa Rodríguez, instalou por poderes unha factoría de salgadura na illa de Sálvora, sendo esta a primeira fábrica conserveira de Galicia. Posteriormente crearíanse outras nos terreos da parroquia, tales como A Cobasa, A Catía, etc., todas desaparecidas a día de hoxe, agás a de Sálvora, que foi posteriormente axeitada como vivenda polos propietarios da illa dándolle un aspecto de fortaleza.

Case que todo o mundo posuía as súas terras por medio dos contratos de foro polos cales había que pagar ós seus propietarios o vinte por cento das colleitas das terras aforadas. Os propietarios dos foros eran os fidalgos, os nobres, e sobre todo algunhas institucións relixiosas como o Arcebispado de Santiago, o Cabido Catedralicio, etc.
Por mor desta distribución feudal dos terreos, hoxe en día temos os complexos sistemas de minifundio nas terras de cultivo, con leiras en forma de longas e estreitas tiras de terreo, algo que ata o de agora non puido solucionar a concentración parcelaria.


O Concello Constitucional.

Durante o período Constitucional do ano 1820, e por un decreto que obrigaba a constituírse en Concello a tódalas poboacións de máis de 1000 habitantes, o 7 de xullo do ano 1821 establécese o Ayuntamiento Constitucional de Carreira, que só duraría ata a nova reforma administrativa do ano 1835 (vixente na actualidade). Remataría integrándose no de Ribeira definitivamente xunto cos tamén Concellos de Olveira e Palmeira, o 22 de xuño do ano 1836.

Construindo dornas na Capela A actividade do Concello de Carreira foi máis ben escasa, xa que debido ós poucos anos que durou (efectivos só dous; xullo 1821 - outubro 1823) e máis á continua situación de cambios de réxime político que sufría o país, non deu tempo a constituírse como tal, e do que se encargaban os seus rexedores era principalmente de administrar e de recadar as taxas, como fixeran anteriormente os Mordomos Pedáneos, na época do Antigo Réxime e máis na Baixa Idade Media.

O Concello Constitucional estaba gobernado polos señores D. Miguel Bretal como primeiro Rexedor e por D. Manuel Prego como segundo Rexedor, persoas que anteriormente xa fixeran as súas actividades como Mordomos Pedáneos. Nesa época o Concello de Carreira contaba cunha poboación de 1421 persoas, tiña un orzamento de 1902 Reais e contribuía ó Estado con 3277 Reais.

Unha das crises máis importantes polas que atravesou a nosa poboación foi a epidemia de cólera do ano 1853, que chegou a Ribeira logo de percorrer toda a provincia de Pontevedra, posiblemente traída por algún barco chegado ó porto dende Vigo, cidade onde meses antes atracara outra nave que viña da Habana con parte da súa tripulación infectada (outras fontes din que de Grecia ou Constantinopla) e que se foi espallando por toda a bisbarra sementando o terror e alcanzando tamén a esta parroquia, levándose por diante a vida dunhas 150 persoas como podemos comprobar no rexistro parroquial correspondente ós finados, e que redactara o daquela cura párroco D. Manuel Antonio Vilacoba.


O século XX.

Ben entrado xa o século XX, igual ca no resto de Galicia, o termo parroquial de Carreira atravesa unha época de atraso económico e social, iniciándose por este motivo as masivas emigracións dos paisanos a outras terras na procura de traballo.
Nas primeiras décadas, os principais destinos emigrantes serán principalmente Arxentina e os Estados Unidos, e xa nos anos posteriores ás guerras Civil Española e IIª Mundial, os países do centro de Europa como Alemaña ou Suíza.

Vapor Santa Isabel Un dos episodios máis tristes e dramáticos da historia de Carreira e de Galicia en xeral, aconteceu na noite do 1 ó 2 de xaneiro do ano 1921, cando o vapor correo Santa Isabel, de 90 metros de eslora, cunha pasaxe de 202 persoas e unha tripulación de 84, bateu nas rochas preto da illa de Sálvora, no medio do temporal, perecendo 213 persoas. Naqueles anos, a illa pertencía á parroquia de San Paio, e os seus habitantes tiñan todos familia en Carreira e en Aguiño.

Pouco tempo despois destes sucesos, o 19 de outubro do ano 1924 crearíase na parroquia o Pósito de pescadores de Carreira, orixe da actual Confraría de pescadores de Carreira e Aguiño, e que tiña a finalidade de acoller nunha agrupación ós traballadores do mar, e promover a través de dita asociación o nivel de vida, social, económico e cultural dos seus socios. Posteriormente, o 14 de xullo do ano 1933 tamén se crearía a Sociedad de pescadores de Carreira, e que tiña como obxectivo a agrupación dos pescadores de liña, corda ou dedo que faenaban a bordo das dornas, e tratar de mellorar o seu material de traballo e a súa moral.

Os anos correspondentes á época da IIª República serán de grande intensidade no eido político e social e máis na creación de infraestructuras tales como estradas, escolas, fontes, lavadoiros, ou subministracións eléctricas. Nesa época créase na parroquia o Grupo Galeguista de Carreira, agrupación política que aceptaba o programa e disciplina do Partido Galeguista de Castelao, e que tiña a súa sede na rúa Campos, 28. Tivo a parroquia neses anos un concelleiro municipal, o señor Tomás Fernández Bretal, republicano socialista, elixido en representación do pósito de Carreira, e que foi unha figura destacada na actividade política do concello.

Preparando unha viaxe
No ano 1931 tamén ten lugar na parroquia un triste suceso que dará moito que falar nos pobos de arredor, xa que os fregueses de Carreira, fartos dalgúns excesos por parte do daquela cura párroco, D. Manuel Vazquez Lens, que non tiñan nada que ver co eido pastoral, fan que este sexa expulsado da freguesía dun xeito un tanto violento.


Tralo período democrático, chegada a Guerra Civil Española son chamados a filas moitos dos habitantes de Carreira, loitando principalmente no bando dos sublevados contra o lexítimo goberno da República. Dos feitos iniciais da contenda bélica no Concello de Ribeira, pouco ou case que nada se soubo. Só que dez días despois de comezada a rebelión militar, un hidroavión soltou duas bombas preto da praia de Coroso, en Ribeira, para anunciar a chegada pouco despois dunha lancha de vixilancia costeira da base de Marin, de onde desembarcaron uns poucos mariñeiros armados que foron ata a casa consistorial, e fixeron renderse á corporación municipal, dicíndolle que toda Galicia caera de parte do bando sublevado.

Por outra parte, a chegada da electricidade á parroquia de Carreira ten lugar durante o goberno republicano, no ano 1932, sendo o tendido eléctrico instalado pola empresa distribuidora Sociedad General Gallega de Electricidad, e a partires do 1955 por FENOSA ó absorber esta última á anterior corporación. Electrifícanse os núcleos do centro da parroquia e dótanse de alumeado público as principais rúas con lámpadas incandescentes a unha tensión de 125 voltios. Será a partires do ano 1956 cando se instale tamén a subministración eléctrica nas aldeas da Graña e O Vilar, así como o alumeado público. Chegados os anos oitenta, e con tódalas vivendas xa electrificadas, vai ser cando se remate de instalar o alumeado exterior en practicamente todo o termo parroquial.

Tralos anos de fame posteriores á Guerra Civil, comeza o despegue económico da parroquia. Nesa época, e coincidindo ca xa citada electrificación, aparecen novas industrias como eran o muíño maila tenda de Juan Millares, o cinema de Francisco Millares e cantidade de pequenos negocios máis, ós que poucos anos despois engadiríanse a farmacia de Andrés Ruíz, as dúas consultas médicas de D. Serafín e de D. Isidoro, as moblerías de Felipe Fernández e da familia Prego, a fábrica de gasosas Santamaría, a carpintería de Serafín Paz, etc., etc. A parroquia alcanza o seu maior número de habitantes de toda a historia, chegando á cifra de 4351 persoas.

Celebrando o San Cristobo No eido tecnolóxico, os primeiros teléfonos da parroquia, chegan a comezos dos anos sesenta, sendo os médicos D. Serafín e D. Isidoro, a casa rectoral de Frións ou a taberna de Vixán algúns dos primeiros usuarios deste tipo de aparato de comunicacións.

A primeira rede de saneamento faise por medio dunha asociación de veciños creada para elo en setembro do ano 1969 e chamada Asociación de Vecinos Pelayo. Nun principio collerá só os lugares de Campos, Cruceiro e Pedriñas. Dita asociación sería a encargada da construcción e mantemento da rede de sumidoiros ata o ano 1989, no que o Concello de Ribeira se fai cargo dela, o ligarse ca nova rede municipal recen feita e que xa chega a case que tódolos lugares do centro urbán da parroquia.


A desmembración da parroquia.

O incremento da poboación de Carreira e a escaseza de párrocos para atender os oficios relixiosos, fixo que recen chegado á parroquia o cura D. Alejandro Bello García, decidírase por parte deste así como do Arcebispado de Santiago por mutuo acordo, dividir a parroquia en dúas entidades máis pequenas co obxectivo de mellorar a atención relixiosa á poboación incrementando asemade o número de párrocos.

O 9 de maio do ano 1959, e por decreto do daquela Arcebispo de Santiago, o Cardeal D. Fernando Quiroga Palacios, a parroquia sería dividida en dúas para crear a nova entidade autónoma de Nosa Señora do Carme de Aguiño, que pasaría a ter unha extensión de 4,3 km2. Compre dicir que inicialmente os veciños da Graña opuxéronse a esta segregación e reclamaron seguir pertencendo a Carreira. A solicitude foi aceptada, e a día de hoxe inda que a nivel de Igrexa están adscritos a San Paio, administrativamente a maior parte da aldea pertence á parroquia de Aguiño.

Bar de Prego
Algo semellante acontecería o 7 de agosto do ano 1967, cando entre as parroquias de San Paio de Carreira e Santa Uxía de Ribeira, acordan ceder os lugares da Aldea, Areeiros, O Castro, Fonterramil e Ameixida, para dar lugar á creación da nova freguesía do Bo Pastor de Castiñeiras, que pasaría a ter unha extensión de 1,2 km2.


Deste xeito, o territorio histórico da parroquia de Carreira pasaría dos 13,8 km2, ós 9,5 km2 actuais deixando de ser a parroquia máis extensa do Concello en favor de San Martiño de Oleiros.

Mediados os anos oitenta comeza a tendencia á baixa no eido económico e demográfico que se mantén a día de hoxe, e na que os establecementos comerciais e as actividades industriais e agrícolas van desaparecendo pouco a pouco a causa das repetidas crises e do desenrolo económico, que como norma xeral afecta tamén de modo moi prexudicial á maioría das parroquias rurais de Galicia.